lunes, 30 de enero de 2017

Actividades de comprensión oral e escrita

Na súa primeira sesión, Ana amosounos diversas actividades de expresión e comprensión oral. Unha actividade das actividades propostas chámase Show and tell e consiste en traer un obxecto e explicar algo sobre el. Isto ofrece a posibilidade de que traian obxectos curiosos, de que fagan unha presentación divertida, etc. Nunha sesión de Luz, por exemplo, dividímonos en dous grupos e Luz entregounos unha folla dun caderno diferente a cada grupo. A actividade consistía en dialogar por grupos na lingua estranxeira e explicarlle posteriormente á docente de que estaban feitas as dúas follas de papel que nos entregara. Curiosamente unha delas estaba feita de pedra, mentres que a outra estaba feita de excrementos de alce. A proposta resultoume moi interesante e a actividade de Show and tell pode enfocarse a traer obxectos e explicar como están feitos, por exemplo, e englobala nunha unidade que trate a reciclaxe ou o medio ambiente.

Outra posible actividade é que o docente faga unha pregunta a cada alumno. Despois, cunha pelota pódese facer un xogo no que a persoa que lance a pelota deba dicir algo sobre a persoa a quen lla pasa. Para esta e outras actividades é moi importante saber o nome dos nosos alumnos para poder conseguir que todo o mundo participe sen necesidade de seguir unha orde que eles coñezan. Desta forma tamén se lle pode dar cabida a aquelas persoas máis tímidas. O docente deberá estar atento para facer participar a toda a clase, lanzándolle a pelota a aqueles alumnos que non a reciban.

Outra posible actividade consiste en elaborar unha lista de cousas que os alumnos deben ir preguntando en inglés aos seus compañeiros para atopar a alguén que realizara tales actividades. Eu xa realizara esta actividade na escola de linguas e paréceme unha actividade moi útil porque o docente pode elaborar as preguntas en función do que queira traballar, xa que as preguntas poden ser de calquera tema e conter o vocabulario ou os tempos verbais que o docente considere adecuados. Ademais, permite traballar tanto as fórmulas interrogativas como as afirmativas e negativas.

Por último, estivemos vendo diversas formas de explotar unha actividade de comprensión oral e aprendemos que se debe traballar antes, durante e despois, algo que na miña experiencia como alumna non se facía. Dependo do nivel de dificultade algunhas veces cómpre dar algún tipo de scaffolding antes de facer o listening e outras chega con facer actividades de brainstorming inicial. A chuvia de ideas pode estar guiada polo docente para que aparezan termos que sairán na actividade posterior. Ao rematar a actividade de listening sempre se pode debater sobre as impresións que causou a actividade ou facer máis actividades relacionadas.

1 comentario: