domingo, 15 de enero de 2017

Experiencias persoais

Ao longo da miña experiencia escolar, coñecín a numerosos docentes que, xa naquel momento pero sobre todo agora dende unha idade máis adulta, considero que non desempeñaban de forma adecuada a súa labor docente e que non me axudaron a desenvolverme como persoa nin a aprender nada da súa materia. Algúns deles, incluso frearon a miña aprendizaxe debido á escasa motivación pola materia ou ás súas condutas autoritarias e outros provocaron un rexeitamento xeral polo seu campo de ensino.

Non obstante, tamén existen outros docentes dos que a miña xeración en xeral garda un bo recordo, xa que motivaban ao alumnado a través da interacción e non da autoridade ou do medo, e transmitíronnos ensinanzas e valores útiles para o resto da vida. Son docentes que, polo xeral, tiñan un trato próximo co alumnado e sabían transmitir o seu coñecemento de forma interactiva, amosándoche o seu valor e utilidade.

Entre os docentes que considero bos docentes, podo destacar a un profesor de historia da arte que me deu clase en 2.º de bacharelato. Pese a que non comecei a materia cunha actitude positiva, xa que non escollín arte por vontade propia, senón que me negaron a posibilidade de asistir a francés polo escaso número de alumnos e tiven que escoller outra materia optativa, converteuse na miña materia favorita de 2.º de bacharelato e á que máis ganas tiña de asistir tódolos días. Mesmo cheguei a pensar na posibilidade de escoller a carreira de historia da arte e, hoxe en día, aínda é unha idea na que cavilo con frecuencia.

O profesor de arte de 2.º de bacharelato, a pesar de estar atado a dar tódolos contidos do temario debido a proba de selectividade, transmitía a súa paixón pola arte e explicaba os contidos de forma dinámica e interactiva: proxectaba o cadro, escultura ou monumento que debiamos analizar e facíanos ver as súas características entre todos, usando a lóxica e a imaxinación. Desta forma, sabiamos extrapolar as características dunha obra en concreto ás características dun autor, época ou corrente artística. Así mesmo, conseguiu que cando viramos unha obra que non coñeciamos, puidésemos apreciala e analizala por nós mesmos, sen ter que acudir a un libro para poder deducir as súas características.

Este profesor, a través das súas clases, infundiunos o seu gusto pola arte e conseguiu cambiar a nosa consideración sobre os museos, que nesa idade adoita estar relacionada co aburrimento. O formato do exame de selectividade inclúa, ademais da análise das obras, unha pregunta na había que definir algúns conceptos artísticos. Ao longo do curso, fomos elaborando nós mesmos un glosario, conforme os conceptos ían xurdindo ao analizar as obras. Así e todo, apenas fixo falla estudar estas definicións porque sabiamos a que se referían por velo nas obras e usar nós mesmos este termos ao longo do ano. En xeral, todos acadamos boas cualificacións nesta materia, tanto no curso académico como na selectividade, a través dun esforzo do que apenas fomos conscientes porque o faciamos con gusto.

Por outra banda, tamén recordo malos docentes ao longo da miña experiencia académica, como, por exemplo, unha profesora que impartía inglés en 1.º de carreira. Esta profesora ridiculizaba aos seus alumnos cando cometían erros, deixándoos unha e outra vez en evidencia fronte aos seus compañeiros. Nunha ocasión, mesmo fixo chorar a unha alumna que, tras isto, aínda humillou máis. Non obstante, trataba totalmente diferente a aqueles alumnos nativos ou cun nivel de inglés alto, cos cales falaba coma se fose máis unha «colega» ca unha profesora.

Esta profesora, o único que conseguiu foi que foramos con medo á clase e que non aprenderamos nada. Do mesmo xeito que o profesor de historia da arte sobre o que falei anteriormente nos incentivou a aprender e estudar a materia, esta profesora de inglés provocou que moitos alumnos perderan o gusto polo idioma. En 1.º de carreira xa estabamos nunha idade na que sabiamos que nos gustaba o inglés e que queriamos facer a carreira na que entraramos, mais se esa profesora impartira clases no instituto, por exemplo, podería determinar o rexeitamento do alumnado polo inglés e minguar as ilusión dalgúns deles aos que se lles dese ben a materia e quixeran dedicarse a ese campo no futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario