jueves, 26 de enero de 2017

As competencias clave

Na primeira sesión con Luz falamos das competencias clave, a importancia que ten cada unha delas e como podemos traballalas nunha aula de lingua estranxeira a través de diversas actividades. A miña reflexión persoal sobre esta primeira sesión foi que, cando eu estudaba, non era consciente do traballo que supoñía para os meus docente a preparación das clases e como actividades que a min me parecían normais, tiñan detrás unha reflexión previa e un porqué. Os docentes que lle atribuían importancia ás competencias clave reflexionaban previamente sobre como introducilas nas actividades diarias e nós adquiríamos coñecementos de todo tipo sen ser conscientes da súa intencionalidade. En realidade, iso é precisamente o que temos que conseguir nas nosas sesións: transmitir uns coñecementos e valores ao noso alumnado sen que eles sexan realmente conscientes da nosa intención e de que están a aprender sen decatarse.

Algo que me chamou moito a atención nesta sesión é que mesmo competencias que non semellan fáciles de introducir na nosa materia, como a competencia matemática e competencias básicas en ciencia e tecnoloxía (CMCT) poden traballarse nunha clase de inglés e, de feito, na nosa experiencia como alumnos traballámolas sen decatarnos, por medio dos partitivos, os contables e incontables, etc.

Sen embargo, debo facer unha crítica sobre a miña experiencia como alumna, xa que penso que a competencia para aprender a aprender (CPAA) e o sentido da iniciativa e espírito emprendedor (SIE) non recibían a atención necesaria. A materia de inglés consistía moitas veces na explicación gramatical do profesor e a realización de drills que indicaba o docente despois das súas explicacións, sen deixar lugar á creatividade ou a aprendizaxe autónoma do alumnado. Hoxe en día, afortunadamente, está a mudar a forma de ensinanza e cada vez máis docentes utilizan a metodoloxía baseada en tarefas ou proxectos ou o enfoque comunicativo, que dan máis pé á aprendizaxe autónoma do alumnado e valoran a comunicación por riba da corrección gramatical.

No hay comentarios:

Publicar un comentario