jueves, 26 de enero de 2017

A aprendizaxe baseada en proxectos ou tarefas

A forma de ensinar unha lingua está cambiando e actualmente óptase polo enfoque comunicativo ou polo enfoque baseado en tarefas ou proxectos, xa que debido a varias medidas, entre as que destacan o Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL) e a Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), faise fincapé na comunicación, principalmente oral, da lingua e na formación de alumnado autónomo que sexa capaz de deducir as regras por medio de exemplos ou da investigación. Ademais, a LOMCE afirma que, ademais de formar alumnado autónomo, o seu obxectivo tamén é que sexan capaces de traballar en equipo.

O enfoque baseado en proxectos ou tarefas ten moitas vantaxes. Permite que o alumnado vexa a utilidade dos contidos que está a estudar, é dicir, non estuda listas de vocabulario, nin regras gramaticais de forma solta, senón que as utilizan nun certo contexto e as aprenden por medio dese uso. Desta forma, poden ver que se utilizan realmente, de que forma e en que contexto se utilizan e aprendelas de xeito máis dinámico. Ademais, o enfoque baseado en proxectos ou tarefas propicia o traballo en equipo, de forma que se potencie a tolerancia, o respecto e a igualdade entre os compoñentes do equipo e se formen persoas que o día de mañá sexan capaces de traballar en empresas. Este enfoque propicia tamén o uso das TIC, xa que moitos proxectos ou tarefas inclúen a busca en internet.

Outra das vantaxes desta metodoloxía é que o alumnado está máis motivado, xa que aprende de xeito máis dinámico e, segundo vai realizando as tarefas ou os proxectos, comproba que o que está a aprender ten utilidade e que o consegue levar á práctica. Ademais, en certos proxectos como a organizacións de viaxes ou actividades, súmase o feito de realizar a actividade programada.

A aprendizaxe baseada en proxectos ou tarefas supón un gran cambio de metodoloxía. Esta é unha das razóns polas que non tódolos docentes a implantan, xa que supón un gran cambio e unha gran esforzo para o docente, sobre todo para aqueles docentes que non teñen formación sobre esta metodoloxía e levan toda a súa vida dando as clases doutra forma. Así mesmo, incluso para os docentes que se están formando nos últimos anos, supón máis esforzo que outras metodoloxías, xa que é preciso saber relacionar os contidos en tarefas ou en proxectos e motivar e guiar ao alumnado cara a consecucións deses obxectivos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario