Na segunda sesión
de Ana seguimos falando de diversas actividades de comprensión oral e escrita.
Comezamos cunha actividade de warm up
que consistía en pensar que facer en primeiro lugar se suceden as seguintes
cousas ao mesmo tempo: soa o teléfono, tocan ao timbre, chora o bebé, vai comezar
a chover e temos a roupa tendida fóra e a auga do vertedoiro vai desbordar.
Despois de que os alumnos respondan e expliquen a súa resposta, o docente pode
darlles unha explicación ás súas eleccións, mesmo se é inventada, por exemplo: for those who have chosen the sink, the most
important thing in life is money.
Ana amosounos unha
actividade para que o alumnado sexa consciente de que debe ler as actividades e
os exames antes de realizalos que consistía nun test que tiña como primeira
pregunta ler todo antes de comezar a responder e a última pregunta dicía que
solo debían responder as preguntas 1 e 2. Para demostrarlles que é normal que
ás veces non entendan algunhas palabras, Ana propúxonos un texto con palabras
inventadas pero que permitían responder igual a unha pregunta de comprensión
concreta, como neste caso era que medio de transporte usaran os protagonistas do
fragmento para desprazarse. Esta actividade é útil para que aprendan a non
ofuscarse cando non coñecen o significado dalgunhas palabras do texto e que
saiban que é frecuente que, mesmo as persoas con máis nivel, non coñezan
algunhas palabras. A maña está en saber deducir o seu significado e entender a
idea xeral do texto. Para facer un reforzo positivo conforme todo se pode
conseguir podemos poñer o mesmo exame o primeiro día de clase, sen avalialo, e o
último, para que se decaten de como melloraron. En 2º de bacharelato, por
exemplo, poderiamos poñer un exame de selectividade.
Para traballar o
vocabulario, no canto de traballalo a través dunha lista de vocabulario da que
se van esquecer ao pouco tempo, podemos traballalo doutros xeitos. No caso dos
adxectivos, por exemplo, poden clasificalos segundo sexan positivos, negativos
ou podan ser ambos. Despois poden escribir cales cren que teñen eles mesmos,
cales teñen pero non lles gustaría ter, cales non teñen pero desexarían ter,
cales lles gustaría que tivese a súa parella, cales non perdoarían na súa
parella, etc. Desta forma, ao personalizar a actividade e traballar con eles
mesmos, poden recordar mellor o vocabulario. Ademais, terán unha menor sensación
de estar a facer unha actividade repetitiva que se traballasen os adxectivos
por medio de drills.
Algúns xogos
clásicos tamén son útiles para a aprendizaxe dunha lingua estranxeira. No tabú
unha persoa de clase debe definir unha palabra sen usar as palabras prohibidas
e a outra persoa que está a participar debe adiviñala. Pódese xogar sacando a
unha parella diante de toda a clase ou organizando a clase por parellas. Outro xogo
que nos amosou Ana é Secret conversations,
que consiste en que unha parella diante de toda a clase teña unha conversa
sobre unha palabra concreta, que non pode mencionar. Non se trata de definir a
palabra, senón de ter unha conversa sobre ese tema ou que permita ao resto da
clase adiviñar a palabra en cuestión. O ideal é que este tipo de xogos os cree
o docente e, dependo do nivel ou do que se queira traballar, pódese xogar
cunhas tarxetas ou con outras. Unha opción boa para algunhas actividades é
plastificar cartolinas brancas de tamaño A3 para poder escribir nelas con rotuladores.
Para traballar
tanto a comprensión oral como a escrita, Ana propúxonos unha canción que contén
diversas actividades, como, por exemplo, ordenar as liñas, eliminar a palabra
que sobra na liña, completar as letras, etc. Con cancións tamén é curioso
cambiar as palabras por outras que soen igual para que eles teñan que saber as
palabras correctas. Fixemos un exercicio parecido cun ditado no que, cando
acabamos e nos deron a solución, todos escribiramos algo totalmente diferente
pero que soaba igual.
Por último, Ana recomendounos
un libro para traballar a gramática en 2º de bacharelato de forma máis dinámica
que se chama 1000 ejercicios de
rephrasing que me pareceu moi interesante para practicar o exercicio de
selectividade no que lle piden ao alumnado que reescriba unha serie de oracións
pero doutro xeito.
Bo traballo co resumo da sesión.
ResponderEliminar