jueves, 2 de febrero de 2017

Segunda sesión con Ana

Na segunda sesión de Ana seguimos falando de diversas actividades de comprensión oral e escrita. Comezamos cunha actividade de warm up que consistía en pensar que facer en primeiro lugar se suceden as seguintes cousas ao mesmo tempo: soa o teléfono, tocan ao timbre, chora o bebé, vai comezar a chover e temos a roupa tendida fóra e a auga do vertedoiro vai desbordar. Despois de que os alumnos respondan e expliquen a súa resposta, o docente pode darlles unha explicación ás súas eleccións, mesmo se é inventada, por exemplo: for those who have chosen the sink, the most important thing in life is money.

Ana amosounos unha actividade para que o alumnado sexa consciente de que debe ler as actividades e os exames antes de realizalos que consistía nun test que tiña como primeira pregunta ler todo antes de comezar a responder e a última pregunta dicía que solo debían responder as preguntas 1 e 2. Para demostrarlles que é normal que ás veces non entendan algunhas palabras, Ana propúxonos un texto con palabras inventadas pero que permitían responder igual a unha pregunta de comprensión concreta, como neste caso era que medio de transporte usaran os protagonistas do fragmento para desprazarse. Esta actividade é útil para que aprendan a non ofuscarse cando non coñecen o significado dalgunhas palabras do texto e que saiban que é frecuente que, mesmo as persoas con máis nivel, non coñezan algunhas palabras. A maña está en saber deducir o seu significado e entender a idea xeral do texto. Para facer un reforzo positivo conforme todo se pode conseguir podemos poñer o mesmo exame o primeiro día de clase, sen avalialo, e o último, para que se decaten de como melloraron. En 2º de bacharelato, por exemplo, poderiamos poñer un exame de selectividade.

Para traballar o vocabulario, no canto de traballalo a través dunha lista de vocabulario da que se van esquecer ao pouco tempo, podemos traballalo doutros xeitos. No caso dos adxectivos, por exemplo, poden clasificalos segundo sexan positivos, negativos ou podan ser ambos. Despois poden escribir cales cren que teñen eles mesmos, cales teñen pero non lles gustaría ter, cales non teñen pero desexarían ter, cales lles gustaría que tivese a súa parella, cales non perdoarían na súa parella, etc. Desta forma, ao personalizar a actividade e traballar con eles mesmos, poden recordar mellor o vocabulario. Ademais, terán unha menor sensación de estar a facer unha actividade repetitiva que se traballasen os adxectivos por medio de drills.

Algúns xogos clásicos tamén son útiles para a aprendizaxe dunha lingua estranxeira. No tabú unha persoa de clase debe definir unha palabra sen usar as palabras prohibidas e a outra persoa que está a participar debe adiviñala. Pódese xogar sacando a unha parella diante de toda a clase ou organizando a clase por parellas. Outro xogo que nos amosou Ana é Secret conversations, que consiste en que unha parella diante de toda a clase teña unha conversa sobre unha palabra concreta, que non pode mencionar. Non se trata de definir a palabra, senón de ter unha conversa sobre ese tema ou que permita ao resto da clase adiviñar a palabra en cuestión. O ideal é que este tipo de xogos os cree o docente e, dependo do nivel ou do que se queira traballar, pódese xogar cunhas tarxetas ou con outras. Unha opción boa para algunhas actividades é plastificar cartolinas brancas de tamaño A3 para poder escribir nelas con rotuladores.

Para traballar tanto a comprensión oral como a escrita, Ana propúxonos unha canción que contén diversas actividades, como, por exemplo, ordenar as liñas, eliminar a palabra que sobra na liña, completar as letras, etc. Con cancións tamén é curioso cambiar as palabras por outras que soen igual para que eles teñan que saber as palabras correctas. Fixemos un exercicio parecido cun ditado no que, cando acabamos e nos deron a solución, todos escribiramos algo totalmente diferente pero que soaba igual.

Por último, Ana recomendounos un libro para traballar a gramática en 2º de bacharelato de forma máis dinámica que se chama 1000 ejercicios de rephrasing que me pareceu moi interesante para practicar o exercicio de selectividade no que lle piden ao alumnado que reescriba unha serie de oracións pero doutro xeito.

1 comentario: