Comezamos esta
última sesión con varias actividades de warm
up. A primeira delas chámase Talking
to a Martian e consiste en explicarlle a un marciano que é un obxecto
determinado, como por exemplo un bolígrafo. A explicación desemboca en máis
preguntas porque o marciano non coñece nada da nosa cultura. Por exemplo, se o
marciano pregunta que é un bolígrafo, a explicación pode desembocar en
preguntar que é escribir, que é unha letra, etc. Esta é unha actividade moi
útil para que aprendan a definir palabras e a buscar sinónimos.
Outro warm up que fixemos foi representar unha
palabra como se a propia persoa fose ese obxecto. Por exemplo, a primeira
persoa pode empezar dicindo I’m a tree
e representar unha árbore e o resto de persoas que se unan poden dicir: I’m the roots, I’m a bird, I’m the egg of
the bird, I’m a leave, I’m an apple, I’m the worm of the apple, etc. e irse sumando á representación. Esta actividade resulta sempre moi
divertida e fai que os alumnos participantes pensen en obxectos relacionados co
obxecto principal que non dixeran xa. Canta máis xente participe no xogo, sen
chegar a un gran número de persoas porque non se podería representar, máis
difícil resultará. Por esta razón, é unha actividade moi recomendable para
realizar en PMAR xa que ao ser poucos alumnos pódese integrar a todos na
historia e, ademais, non require un nivel moi elevado.
En ámbalas dúas actividades
é recomendable que comece o docente para amosarlles máis claramente de que
tratan e para que eles vexan que o docente tamén participa. Despois xa podería
facer de marciano, no caso do primeiro warm
up, ou comezar a segunda actividade un alumno.
O debate comezou
co tema de deberes si ou non. A maioría da clase coincidimos con que estamos a
favor dos deberes pero na xusta medida. No meu caso, xa tiña unha opinión
formada sobre este tema antes de comezar este mestrado e non mudei de opinión.
No caso da materia que me atinxe, inglés, penso que os deberes son moi útiles
se queres centrarte no enfoque comunicativo en clase, sobre todo no speaking que é o que probablemente a
maioría deles non poidan traballar nas súas casas. Aínda que nas clases tamén
se poden e se deben traballar as outras destrezas, penso que é moi útil
traballar ou reforzar a gramática ou a escrita na casa, mentres que a clase se
pode dedicar a outras cuestións. Na miña experiencia como alumna sempre tiven
deberes e nunca tiven ningún problema, a pesar de que asistía a clases de
piano, gaita e solfexo. De feito, penso que ter deberes e asistir a algunha
actividade extraescolar é beneficioso porque aprendes a organizarte e a aproveitar
o teu tempo. Ademais, penso que os deberes son moi necesarios para xerar uns
hábitos e unha disciplina, porque cando os nosos alumnos cheguen á universidade
ou a un posto de traballo dependerá deles organizarse e coñecerse como
estudantes, é dicir, saber que técnicas de estudio lle funcionan mellor, canto
tempo deben dedicarlle, etc.
A pesar de todo o
anterior, penso que tamén opino así porque a min non me mandaban deberes de
forma esaxerada, unhas veces máis e outros menos pero case sempre eran
realizables se sabías organizarte, xa que non estaba tódolos días da mañá á
noite facendo deberes, tamén dispoñía de tempo libre para outras actividades. Polo
tanto, penso que os deberes non deben ser esaxerados, é dicir, eu como docente
haberá uns días que non mande deberes, outros que mande poucos e outros que
mande algúns máis, pero sen mandar demasiados ou con moi pouco tempo para
realizalos. Algunhas solucións poden ser que exista unha comunicación entre o
profesorado ou que o propio docente chegue a un acordo co seu alumnado sobre
cando mandar os deberes. Aínda que o docente non propoña este pacto porque
prefire non mandar os deberes sempre o mesmo día, xa que haberá ocasións nas
que sexan máis necesarios uns días que outros, sempre é preciso dialogar co
alumnado, saber que carga de traballo teñen e ser comprensivos con eles. Outra
medida que se propuxo é que se anoten no encerado os deberes de cada día para
que tanto os docentes como o alumnado sexan conscientes da carga de traballo. Persoalmente,
non me parece mala idea pero penso que tamén é útil que os alumnos sexan
responsables de ir anotando os seus deberes e de acordarse de facelos porque a
base de non acordarse varias veces aprenderán a ser máis responsables e
organizados.
O vídeo que nos
amosaron para abrir o debate, aínda que é emotivo, paréceme un pouco esaxerado
porque o alumnado conta con moitas vacacións e, exceptuando algún que outro
profesor, non creo que a maioría deles lle esixan algo moi superior ao que poden
dar. Ademais, eu persoalmente, e penso que a maioría dos profesores tamén, non
tería en conta que un día ou dous un alumno non puidera realizar os deberes,
senón que o que realmente penalizaría é se a non realización das actividades
que se mandan para casa é continua e non ten ningunha causa xustificada.
O segundo tema de
debate que xurdiu é o tema das TIC. Neste tema xa había opinións máis dispares.
Eu persoalmente antes do mestrado opinaba que non deixaría usar o móbil na miña
clase. Agora sigo pensando o mesmo pero teño as miñas dúbidas nalgunhas
ocasións porque os móbiles proporcionan recursos moi útiles e ás veces é
difícil contar cunha aula de informática para empregar estes recursos. Ademais,
no caso de falta de dicionarios na aula, como nos contou Ana, son tamén moi
útiles estes dispositivos. Eu penso que como norma xeral e sobre todo nun
primeiro momento non permitirei os móbiles, xa que, aínda que é difícil
controlar o seu uso, supoño que o alumnado os usará menos ou non os usará se
están prohibidos e son coherente coas normas. Cando leve un tempo de
experiencia, se vexo que os preciso e que os meus alumnos me respectan e poden
facer un uso responsable deles, pode que, precisando unhas normas específicas, permita
o seu uso en ocasións concretas. Unha das obxeccións dalgunhas persoas é que
non tódolos alumnos se poden permitir ter un móbil ou que ás veces os pais non
llos deixarán traer a clase, pero penso que no caso de decidir utilizalos isto
non é ningún impedimento, xa que actualmente case tódolos alumnos acoden co
móbil á clase e podemos agrupar as persoas que non o teñan con outras que si.
Ante todo, debemos respectar a normativa do centro, aínda que na maioría dos
casos as normas son bastante laxas e teremos que establecer normas propias.
Algo que si que teño
claro e sobre o que non reflexionara antes de comezar este mestrado é que introducir
as TIC non é por si só innovar, xa que se pode facer o mesmo que cun libro
tradicional, se proxectamos o libro dixital na pantalla e o usamos igual, por
exemplo, ou pódese facer unha clase moito máis innovadora sen utilizar estes
recursos. O que eu penso é que xa que agora contamos cuns recursos que antes
non existían e dos que agora podemos dispoñer libremente, non podemos negar a
súa utilidade para algunhas funcións. Sen embargo, cómpre empregalos para o que
serven ou para o que se require o seu uso e non empregalos cando non é preciso.
Moi bo resumo comentado do debate, coa exposición das túas opinións relacionadas coa expreincia propia. Ben!
ResponderEliminarParéceme moi positivo que razoes cada tema e argumentes a túa forma de velo.
ResponderEliminar